A nosa historia
En marzo de 2020 unha pandemia mundial obriga a paralizalo todo. As Salas de concertos, entre outros moitos negocios, ven en perigo a súa continuidade o que suporía perder unha actividade cultural continúa e na que se da oportunidades a artistas que non as teñen, en moitas ocasións noutros circuitos.
Un grupo de persoas que asisten con frecuencia á Sala Mardi Gras e a outras salas de toda Galicia, contactan con responsables da sala para ofrecer a súa colaboración no que sexa posible.
O 4 de xullo de 2020 celébrase unha xuntanza do que será o grupo fundacional da asociación e a primeira Xunta Directiva da mesma. Apróbanse os Estatutos que teñen uns obxectivos amplos e ambiciosos a prol da cultura musical. A asociación ten ámbito autonómico, polo que podemos realizar actividades en toda Galicia, ainda que a nosa base principal de operacións é a cidade da Coruña.

Tras uns meses de trámites burocráticos, o 16 de novembro, día do 21º aniversario da Sala Mardi Gras, preséntase públicamente a asociación e se informa da apertura dunha campaña de captación de persoas que queran asociarse. O compromiso é que o importe das cuotas acadadas vaise destinar a repartir entre as catro salas da cidade que se asociaron na campaña #Apoyatusala meses atrás: Jazz Filloa, Bâbâ Bar, Garufa Club e Mardi Gras.

En menos dun mes lógrase aportar 2.500 € ás salas, ainda que iso non impide que o Bâbâ Bar peche as suas portas, algo que consideramos un dano enorme para a cultura e a cidadanía coruñesa.
Aprovéitase o 40º aniversario do Jazz Filloa para nomear ao local Socio de Honra da República ao tempo que se fai unha segunda aportación de 1.900 €, chegando a un total de 4.400 € en mes e medio, grazas aos 428 socias e socios que se sumaron dende o 16 de novembro ata o 31 de decembro de 2020 á República.

Os nosos obxectivos
O Artigo 5º dos Estatutos recolle os fins da asociación. Son moitos e ambiciosos. Podemos resumilos nos seguintes:
A organización, promoción e difusión de todo tipo de actividades relacionadas con calquera estilo musical, tanto de música en directo como de música gravada e outras artes afíns: creación audiovisual, fotografía, deseño gráfico, ilustración, cine documental, cine musical, teatro musical, festivais de artes diversas, performances, libros musicais, xornadas divulgativas e similares.
Partindo diso e das propostas das socias e socios:
- Organizaremos concertos
- Convocaremos concursos relacionados coa música
- Axudaremos a creadores galegos de diversos xeitos
- Ofreceremos actividades formativas
- Organizaremos viaxes a concertos
- Organizaremos quedadas para falar de música
- Tentaremos combatir problemas como a soidade e a discriminación a través da música
- Colaboraremos con outras entidades con e sen ánimo de lucro para que a música siga viva en moitos aspectos
Organización
A Asociación conta con diversos órganos para a súa xestión. En función do tipo de decisión ou tarefa a realizar, serán uns ou outros os encargados de asumila. Na actualidade non existen cargos remunerados na asociación, é todo traballo voluntario e págase a empresas ou persoas autónomas cando prestan servizos necesarios para o bo funcionamento da asociación.
Asemblea xeral
É o principal órgano de toma de decisións estratéxicas da entidade. A Asemblea Xeral está formada por toda persoa socia que ten as cuotas ao día, polo tanto é socia activa. Debe reunirse como mínimo unha vez ao ano.
Entre as súas competencias está o de aprobar o Orzamento Anual e o seu reparto, as contas do exercicio anterior, o Plan de Actividades previsto que pode ser modificado e ampliado na asemblea, así como a resolución de posibles conflictos internos ou con outras persoas ou entidades. Tamén debe atender rogos e preguntas das persoas asociadas.
Xunta directiva
Segundo os estatutos está formada por 5 persoas: Presidente, Vicepresidente, Tesoureira, Secretaria e unha Vogal.
Reúnese coa frecuencia que a actividade da asociación vai precisando.
Xestiona a asociación no día a día en colaboración coas Coordinadoras.
Coordinadoras
Calquera persoa asociada pode formar parte de unha ou máis Coordinadoras.
Deben encargarse de facer propostas e organizar as actividades que forman parte da súa competencia.
Na actualidade son as seguintes:
- Coordinadora de organización de eventos artísticos e culturais.
- Coordinadora de formación e divulgación musical.
- Coordinadora de comunicación e relación con outras entidades.
- Coordinadora de atención ás persoas socias.
- Coordinadora de actividades diversas.
- Coordinadora do F.A.R.
Que é o F.A.R.?
O F.A.R. é o Fondo de Anticipos. Trátase dun fondo económico que a asociacións constituiu con aportación de fondos propios, donativos a fondo perdido de persoas asociadas e de préstamos recuperables tamén de persoas asociadas. Pode recibir aportacións externas tamén.
Existe unha normativa para o uso de fondos que debe aplicar a Coordinadora. Este fondo debe ser aprobado anualmente en Asemblea a súa renovación.
En caso de non renovarse, a propia asemblea que o disolva terá a obriga de, a proposta da Xunta Directiva, darlle destino aos fondos que teña asignados no momento da disolución, sen contar cos préstamos recuperables que devolverán ás persoas que os aportaron.
Documentación
Neste apartado atoparás información e documentos permanentes de interese da asociación:
Documentación legal
- Estatutos
- Normativa F.A.R.